
"...Prezadas familias de terceiro de primaria,
Os pasados días 11, 12 e 13 de maio as familias galegas que teñen fillos e fillas en sexto de primaria decidiron masivamente que non fosen á escola eses días para non ter que facer as probas de avaliación , o que coñecemos como reválidas de sexto.
No Ensino Público, no noso, calculamos ao redor dun 80 % o número de familias de toda Galicia que tomaron esa decisión. Na nosa Federación consolidamos esa marca, a non asistencia foi exactamente do 80,72 % , e houbo moitos centros como o López Ferreiro ou o Apóstolo Santiago en Compostela, ou o colexio de Dodro ou o do Meson do Vento onde non asistiu ningún neno eses días a clase, pero os casos de non asistencia de máis do 80 % son xa a tónica xeral desas xornadas.
Agora temos por diante unha nova convocatoria de reválidas para os nenos e nenas de terceiro de primaria, os vosos fillos e fillas; a Administración pretende avalialos de competencias lingüísticas en galego e castelán, e de competencias matemáticas, queren examinalos nun día do que levan todo o ano formándose e sendo avaliados de forma continua.